O ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE ESTREA A PRIMEIRA CURTAMETRAXE DA SERIE "AS VIAXES DO CAPITÁN GARDADOR"

Data de publicación: 16-12-2013
Trátase da primeira achega dunha serie de vídeos de curta duración pensados para dar a coñecer, dun xeito ameno, ao gran público a riqueza dos arquivos e o valor do patrimonio documental como vía de coñecemento do noso pasado.
 
O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense acollerá mañá martes, ás 20:00, a presentación desta primeira entrega, que contará coa participación do secretario xeral de Cultura, Axo Lorenzo.
 
Nestes vídeos, unha personaxe debuxada nun documento notarial do ano 1774, o "capitán gardador" Xan de Baldriz, guiaranos por diferentes momentos da Historia de Galicia. A pantasma deste capitán, como unha sombra que percorre o labirinto da memoria, vaga polo Arquivo Histórico Provincial gardando con agarimo os seus pergamiños e papeis centenarios. Silente e invisible durante séculos, Xan de Baldriz decide saír da penumbra na que habita para convidarnos a viaxar a través do tempo sucando un mar de documentos. A partir da información que repousa nos fondos documentais do Arquivo, o capitán Baldriz convértenos en espectadores da vida cotiá das sociedades do pasado, xa sexa do mundo rural de monxes, fidalgos e campesiños ou das rúas do Ourense de finais do século XIX.
 
Esta curtametraxe descubre como a consulta de calquera dos milleiros de documentos conservados no Arquivo Histórico Provincial nos pode abrir unha fiestra ao pasado para viaxar nunha "máquina do tempo" pilotada polo aventureiro que teña a audacia de internarse no labirinto da memoria. En definitiva, da man do "capitán gardador" poderanse valorar as posibilidades que ofrece o patrimonio documental, non só como unha fonte para a investigación histórica, senón como como aventura ao alcance de todos, como unha viaxe ao pasado a través de documentos de distintas épocas.