Os últimos números de FRONDA, editada polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense, xa poden descargarse na súa páxina web

Data de publicación: 06-03-2014
Cos números 47, 48 e 49 de Fronda continuamos unha liña temática e abrimos outra nova.
  
O número 47 contén a cuarta entrega de fondos de institucións penitenciarias, neste caso dedicado á Prisión Central de Celanova. Pensada fundamentalmente para recluír presos políticos, a este centro penitenciario chegaron reclusos de toda España, en particular do Norte da península con predominio dos asturianos. Un plano que reflicte como se acondicionou para este fin o edificio do antigo mosteiro de San Salvador de Celanova sérvenos para coñecer o funcionamento deste tipo de centros de reclusión.
 
O número 48 é a primeira entrega dos números dedicados aos arquivos de empresa e nel ofrecemos unha panorámica xeral dos fondos deste tipo conservados no AHPOu. Estes fondos son testemuño de actividades comerciais, financeiras, industriais e tipográficas e ilustran algúns aspectos do desenvolvemento económico dunha provincia, caracterizada por unha débil e tardía incorporación á economía capitalista. Trátase dun grupo de fondos de especial valor se se ten en conta a súa escaseza nos arquivos históricos.
 
Por último, no número 49, dúas cartas comerciais procedentes do fondo da Sociedade Mercantil Hijos de Simeón García y Cía de Orensepermítennos apreciar o valor deste arquivo para coñecer o papel que desempeñaron os almacenistas-banqueiros no desenvolvemento económico da Galicia da segunda metade do século XIX e primeira metade do XX.
 
Para acceder aos números ir a publicacións