Día Internacional dos Arquivos no Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Data de publicación: 06-06-2014
Cada 9 de xuño celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Arquivos para conmemorar a creación nesa data do Consello Internacional de Arquivos (ICA). O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) únese a esta celebración a traveso dunha xornada de portas abertas o día 9 de xuño que consistirá na organización de visitas guiadas ás 12.30 hs. e ás 18.30 hs. na súa sede da rúa Hernán Cortés 2.
 
Nas visitas daranse a coñecer os servizos que oferta o AHPOu, cales son as funcións dun arquivo histórico provincial e farase unha breve introdución ao contido dos seus fondos documentais. Unha parte da visita dedicarase a comentar a mostra documental centrada na figura do Padre Benito Jerónimo Feijoo (Casdemiro, Pereiro de Aguiar, 8 de outubro de 1676 - Oviedo, 26 de setembro de 1764) do que este ano se conmemoran os 250 anos do seu pasamento.
 
Na mostra documental organizada polo AHPOu poderanse contemplar exemplares do Teatro Crítico Universal, a súa obra máis coñecida, e outra bibliografía relacionada coa vida e a obra deste ilustre ensaísta. Tamén se mostrarán unha serie de documentos, debuxos, etc. relacionados con distintas efemérides nas que se enxalzou a súa memoria. Entre estas celebracións destacan os festexos organizados en 1887 con motivo da inauguración da estatua que se lle erixiu en Ourense. Con esta mostra preténdese destacar a importancia da figura do P. Feijoo no panorama intelectual español do século XVIII e a alta estima que lle se lle profesou nesta cidade ao longo do tempo.