Exposicións

O padre Feijoo: o pensamento vivo dun ilustrado ourensán

Con motivo do 250 aniversario do pasamento do Padre Feijoo, (Oviedo, 26 de setembro de 1764) o Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu), organizou unha exposición coa que se puxo de relevo a influencia do legado intelectual deste monxe beneditino no pensamento español dos últimos séculos.

Benito Jerónimo Feijoo  
nacera 87 anos antes (8/10/1676) en Casdemiro (Melias, Pereiro de Aguiar) no seo dunha familia fidalga aveciñada na vila de Allariz (Ourense). A figura deste sabio ilustrado concita hoxe, como onte, unánime admiración e respecto e a súa obra goza de gran popularidade dende que comezou a publicarse na primeira metade do século XVIII.

Na exposición poideron contemplarse varios exemplares de edicións antigas do "Teatro Crítico Universal" e das "Cartas Eruditas" conservados na biblioteca do AHPOu, exemplos do pensamento crítico moderno e que se consideran iniciadoras da Ilustración española. Tamén se mostraron outros documentos de interese cos que conta o AHPOu relacionados con aspectos da súa vida ou referente ás homenaxes que lle tributou a cidade de Ourense nos anos durante os séculos XIX e XX.

Publicar no Facebook
Compartir no Twitter
Agregar a Delicious
Compartir no LinkedIn

O legado de Asís: franciscanos e clarisas en Ourense

Esta mostra pretende divulgar o patrimonio documental herdado dos conventos ourensáns da Orde Franciscana, un legado pouco coñecido que permite reconstruír o pasado destas comunidades e recuperar a memoria da súa dilatada presencia na cidade de Ourense, nas vilas de Allariz, Monterrei e Ribadavia e no lugar de Trandeiras (Xinzo de Limia). 

 

A mostra divídese en sete expositores con documentos de distintos fondos do AHPOu que reflicten a pegada franciscana na provincia: a fundación dos seus conventos, a súa importancia social e actividades durante os séculos XIII a XIX, a exclaustración e desamortización do XIX, a restauración dalgunhas comunidades a finais dese século e principios do XX e o legado arquitectónico.

Publicar no Facebook
Compartir no Twitter
Agregar a Delicious
Compartir no LinkedIn

Arquivo Aberto

Arquivo Aberto foi concibida como unha idea dirixida a achegar o patrimonio documental e os arquivos á sociedade. Materializouse nunha carpeta divulgativa e nunha exposición itinerante nas que se reproducen, contextualizados historicamente, algúns dos documentos máis representativos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu). Agora, os seus contidos tamén son accesibles a través do Portal de Arquivos de Galicia.
 
Ademais de procurar que un público amplo se asome ao pasado a través dos documentos históricos, Arquivo Aberto ten por finalidade dar a coñecer aos cidadáns os servizos que oferta o AHPOu e animalos a que fagan uso deles. Con ese fin se explican cales son as funcións dun arquivo histórico provincial e se enumeran os máis de 200 fondos e coleccións que se custodian neste centro, con indicación das datas e volume de cada un deles. Trátase dun riquísimo conxunto de fondos de gran variedade tipolóxica entre os que destacan os 153 de orixe privada (familias e persoas, asociacións, empresas e institucións relixiosas), que fan do AHPOu o arquivo galego máis rico neste tipo de fondos, depositario dunha sobranceira parte do patrimonio documental da provincia de Ourense.
 
Para acceder á exposición virtual prema en Ler máis
Publicar no Facebook
Compartir no Twitter
Agregar a Delicious
Compartir no LinkedIn