Arquivo Aberto

 

ARQUIVO PÚBLICO

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) foi fundado en 1943 co impulso de Xesús Ferro Couselo, en aplicación do Decreto de 12 de novembro de 1931 de creación de arquivos históricos provinciais. Instalouse provisionalmente nas dependencias do Arquivo da Delegación Provincial do Ministerio de Facenda ata que en 1964 trasladouse á sede actual, o antigo palacio episcopal. Desde 1989 é xestionado pola Xunta de Galicia.
 
Nel custódianse un conxunto de fondos de distinta procedencia, tanto pública coma privada, que reúnen milleiros de documentos fixados en distintos soportes (pergamiño, papel, cd …) nos que quedou prendida unha salientable parte dmemoria da provincia de Ourense.
 
Pero tamén se conservan documentos máis recentes, producidos polas administracións públicas e que aínda son requiridos e consultados por elas e polos cidadáns con fins administrativos, como garantía de dereitos e deberes. Algún día, moitos tamén serán fonte para a Historia.
 
No AHPOu custódianse máis de 200 fondos, dos que 153 son de orixe privada, e ocupan máis de cinco quilómetros lineais de andeis.
 
  
 
 
 
 CUSTODIA E SERVIZOS
 
A custodia dos documentos nun arquivo non só implica a conservación da súa integridade física, senón tamén unha axeitada organización que permita a súa rápida localización no momento que sexan requiridos pola Administración ou polos cidadáns. Ademais, é tarefa dos arquivos coñecer e controlar a información máis significativa dos documentos, co fin de facelos máis accesibles, dentro dos límites impostos pola lei. Resultado desa tarefa son os instrumentos de descrición (guías, inventarios, catálogos...) que presentan a información sistematizada que orienta na procura dos documentos.
 
En definitiva, os arquivos públicos orientan a súa actividade cara a prestación de servizos aos cidadáns e ás administracións públicas, entre os cales se enumeran os seguintes:
              - consulta directa de documentación en sala
              - consulta indirecta de información a traveso de correo (postal e electrónico), teléfono, etc.
              - copias de documentos
              - emisión de informes, compulsas, certificacións
              - orientación de investigacións
              - biblioteca auxiliar
              - préstamo de documentos á Administración e para realización de exposicións
              - visitas guiadas e outras actividades de difusión e pedagóxicas
 
 
 
Que é un fondo documental?
 
É un conxunto de documentos producido ou acumulado por unha persoa física ou xurídica, no exercicio das súas funcións e actividades.
 
Cada persoa xurídica, que pode ser pública (p. ex. un concello) ou privada (unha empresa, etc.), xera o seu propio fondo documental e custódiao nun determinado espazo físico (andeis, cuarto …) ao que se denomina arquivo. Tamén se adoita chamar arquivo ao propio fondo documental.
 
Pero calquera de nós, como persoas físicas, tamén somos produtores do noso propio fondo persoal, integrado pola documentación xerada na xestión do noso patrimonio (hipotecas, contas bancarias …) ou como resultado das nosas relacións coas administracións (declaracións do IRPF, imposto de circulación…), ou con outras persoas particulares (correspondencia, invitacións …).
 
Cada persoa física ou xurídica conserva o seu propio fondo documental para a xestión dos seus asuntos e como testemuño e garantía dos seus dereitos e deberes.
 
 
Excepcionalmente, por insuficiencia da información que aportan certos documentos, non é posible determinar quen foi o seu produtor e, polo tanto, tampouco o seu fondo de procedencia. Estes documentos reúnense noutro tipo de agrupacións que reciben o nome de coleccións.
 
Tamén forman coleccións aqueles conxuntos de documentos que non foron reunidos como consecuencia dunha actividade administrativa ou de xestión (unha colección de selos, fotografías históricas da cidade, etc.). Son agrupacións documentais que, sen ter natureza de documentos de arquivo, son custodiados nestes centros por razóns diversas.
 
……….                                  
Clasificación dos fondos dos arquivos históricos provinciais
 
Os arquivos históricos provinciais reúnen unha diversidade de fondos procedentes de distintos produtores, tanto públicos como privados. Para maior claridade, ese amplo conxunto de fondos preséntanse organizadamente, agrupándoos ou clasificándoos en varios apartados que toman como criterio de agrupación a natureza da persoa ou entidade produtora. O esquema do que se parte recibe o nome de cadro de clasificación de fondos.
 
 
Os arquivos históricos provinciais adoitan partir dun cadro de clasificación común, ás veces con lixeiros axustes que o adaptan ás especificidades de cada centro. Segundo este cadro as agrupacións documentais dun arquivo clasifícanse en tres grandes grupos:
 
1.       fondos públicos:os que foron producidos por organismos ou entidades públicas. Proceden de distintas administracións públicas (estatal, autonómica e local), de organismos e entidades de Dereito público, etc.
 
2.       fondos privados: os que foron xerados por persoas físicas ou xurídicas, aínda que na actualidade sexan de titularidade pública por compra, doazón, legado, etc. É o caso dos fondos de familias e persoas, asociacións, empresas e institucións relixiosas.
 
3.       coleccións: trátase de documentos soltos cuxo fondo de orixe non puido ser identificado.     
 

 

Galería de imaxes e textos da exposición
Cadro de clasificación de fondos do AHPOu