Servizos

Servizos

Acceso e consulta

A sala de consulta do arquivo atópase na segunda planta do edificio e as normas de consulta presencial atópanse expostas na sala. Conta con 12 postos de lectura na que os usuarios teñen acceso aos documentos do arquivo e á colección bibliográfica da biblioteca auxiliar.

Para a consulta dos fondos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense os usuarios teñen á súa disposición os instrumentos de descrición en papel, así como equipos informáticos para o acceso ao OPAC (accesible tamén pola páxina web) e outras bases de datos. O acceso á información contida nos documentos do arquivo é libre e gratuíta, coas únicas limitacións establecidas na lexislación vixente e o estado de conservación dos documentos. A solicitude de documentos farase cubrindo a ficha de consulta que se lle facilitará o persoal. Para a consulta dos documentos é necesario que o peticionario se identifique con algún documento oficial de identidade (DNI ou pasaporte).
 

Lectores de microfilme

O arquivo dispón de lectores para a consulta dos documentos reproducidos en microfilme ou microficha.

Información e asesoramento técnico

O arquivo facilita información documental e bibliográfica sobre os fondos que custodia.

Biblioteca Auxiliar

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense conta cunha biblioteca auxiliar especializada en historia, arquivística, dereito e ciencias sociais. O contido desta está accesible en catálogos convencionais (fichas e impresos en papel) e bases de datos no propio arquivo, así como vía web por medio da rede de bibliotecas de Galicia.

A consulta dos exemplares da biblioteca auxiliar é posible só de xeito presencial na sede do propio Arquivo.

Servizos de reprografía

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense facilita, sempre que a normativa e as condicións dos documentos o permitan, fotocopias simples, compulsadas e certificacións. Tamén realiza copias en soporte dixital.

As solicitudes de copias poden realizarse ben presencialmente na sede do propio Arquivo por medio dos impresos dispoñibles, ben por correo ordinario, electrónico ou fax. As condicións de reprodución e as tarifas vixentes para este servizo pódense consultar no punto de descargas.
 

Conservación e restauración

O arquivo elabora, ocasionalmente, informes técnicos sobre condicións de conservación e propostas de actuación relacionadas coa conservación e restauración de arquivos e documentos en papel para outras institucións públicas, entidades privadas sen ánimo de lucro e posuidores de patrimonio documental.

Programa de difusión

O arquivo dá a coñecer os seus fondos documentais e as súas actividades mediante a publicación de instrumentos de descrición e materiais divulgadores, a organización de exposicións e a recepción de visitas guiadas de universitarios e outros colectivos.

Préstamo de pezas

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense realiza préstamo temporal tanto dos seus fondos documentais como bibliógrafos a aquelas institucións que o solicitan para ser mostrados en exposicións.