O Arquivo

O Arquivo Territorial xorde como un servizo común para recoller os documentos dos diferentes departamentos da Administración periférica da Xunta de Galicia en Vigo. Depende organicamente da  Delegación Territorial de Pontevedra, Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra e funcionalmente da Subdirección Xeral de Arquivos, dentro Secretaría Xeral de Cultura.

Ten a súa sede no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo.

Dispón dun total de 7100 m de andeis e ofrece servizo de préstamo e consulta ás unidades que xeraron a documentación.

O edificio

O arquivo atópase fisicamente situado no soto 2.º do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo. O local está dotado de dúas áreas diferenciadas; o espazo destinado a depósitos conta cunha superficie total de 700 metros cadrados e un total de 7.100 metros lineais de estantes tipo compactus; o local de traballo comprende 40 metros cadrados destinado a tarefas técnicas e administrativas.

Este edificio é resultado do concurso “Abrir Vigo ao mar”, asignóuselle a Esteve Bonell a realización da obra do Edificio Administrativo. Comézase a construír no ano 1995 e acábase no 2001.

O edificio institucional, foi inaugurado polo entón presidente da Xunta de Galicia,  Manuel Fraga Iribarne, o día 27 de xullo do 2001. É unha única peza de dous volumes configurados a distintas escalas.

O deseño do proxecto foi premiado polo premio FAD de Arquitectura e Deseño e quedou como finalista da Bienal de Arquitectura Española (sétima edición).

Funcións

O Arquivo Central é a unidade encargada de recoller, custodiar e estudar a documentación producida polos diferentes departamentos territoriais, como parte integrante do Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia, co que un dos seus fins é tamén transferir a documentación que custodia ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, unha vez pasados os prazos temporais pertinentes.