O Arquivo de Galicia participa de forma activa, dentro da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, no proxecto ARPAD: Arquivo dixital, conservación do patrimonio documental e eliminación do papel nas relacións administrativas.

ARPAD é un proxecto de cooperación transfronteriza da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal financiado con fondos europeos baixo a dirección e coordinación da AMTEGA (Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).

Unha das liñas prioritarias de ARPAD é o desenvolvemento da xestión documental na Xunta de Galicia, proceso para o que é imprescindible a creación do Arquivo Dixital de Galicia, de acordo co marco normativo establecido pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de Acceso electrónico dos cidadáns aos servizos público, e as normas técnicas internacionais na materia.

Dentro da xestión administrativa de calquera entidade pública ou privada, a xestión documental ten como obxectivos garantir a autenticidade, a fiabilidade, a integridade e a dispoñibilidade dos documentos ao longo do tempo para o servizo dos seus produtores e usuarios, así como contribuír á configuración do patrimonio documental de Galicia.

A participación do Arquivo de Galicia no proxecto concretarase nas seguintes actividades:

  1. Elaboración dun cadro de clasificación funcional normalizado que sirva para agrupar os documentos atendendo ás funcións e actividades concretas desenvolvidas pola Administración ao longo do tempo.
  2. Elaboración do directorio de órganos administrativos, oficinas de rexistro e atención ao cidadán e as súas codificacións e relacións ao longo do tempo.
  3. Elaboración do catálogo de procedementos e servizos prestados pola Administración, agrupados por familias e relacionados coas series documentais establecidas no cadro de clasificación.
  4. Identificación e valoración de series documentais da Xunta de Galicia.
  5. Elaboración do inventario de tipos documentais simples utilizados pola Administración.  
  6. Elaboración dos esquemas de metadatos e perfís de aplicación asociados aos documentos e expedientes electrónicos ao longo do seu ciclo de vida, especialmente daqueles relacionados coa súa clasificación, procedencia (órgano produtor), valoración (establecemento de prazos de transferencia e de conservación), utilización (control de accesos),recuperación (descrición) e conservación.
  7. Participación na selección de documentos históricos procedentes dos arquivos galegos que se dixitalizarán para a súa incorporación ao Arquivo Dixital, así como no establecemento de normas e criterios baixo as que se realizarán estes traballos.