O Arquivo de Galicia recibe o inventario de bens da igrexa católica en Galicia
A Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español establece como imperativo a inclusión no Inventario Xeral de Bens Mobles do Ministerio de Educación e Cultura dos bens mobles en mans da Igrexa católica. Tamén a Lei 8/1995 , de 30 de outubro do patrimonio cultural de Galicia crea o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia como instrumento administrativo no que se relacionan os bens declarados de interese cultural e os bens incluidos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e se inscriben os bens inventariados.
O inventario , que comezou a súa realización no ano 1988, mantense en actualización permanente a través de campañas anuais de recollida de datos financiadas conxuntamente polo Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia. A recollida de datos faise en fichas deseñadas polo Ministerio, individualizadas para cada obxecto e nas que se inclúen fotografías das pezas.
Desde o ano 2005 o inventario realizouse tamén en formato dixital e a partir de 2007 de xeito exclusivo neste formato. Como complemento ás fichas recibidas en soporte papel, un total de 1.350 caixas, o Arquivo recibiu tamén unha copia dos datos e imaxes en soporte informático.
A relevancia cultural do patrimonio da Igrexa converten estes documentos nun importante instrumento de información tanto para a Administración como para o conxunto de cidadáns.