Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia
Para a exposición seleccionáronse un conxunto de 98 documentos entre os que destacan 28 fotografías cedidas expresamente pola familia para a ocasión, árbores xenealóxicas, memorias, escrituras de compra-venda, facturas, recibos, títulos, diplomas, ou múltiples cartas de tipo familiar ou de carácter político. Estructurouse en varias seccións:
A identidade. O grupo familiar
O conxunto de documentos producidos e conservados por unha familia son o resultado da súa vida de relación, das actividades desenvolvidas polos seus membros e da formación e xestión do seu patrimonio
ao longo da existencia do grupo.
O forte sentimento de pertenza ao grupo e as implicacións xurídicas que iso ten para o mantemento do patrimonio familiar fan que os documentos que axudan a reconstruír a xenealoxía teñan especial
transcendencia. A correspondencia persoal pon de relevo lazos afectivos, familiares e de amizade, nun desexo de manter firme a cohesión a pesar das distancias, as veces longas no tempo e no espazo. Outros documentos de carácter persoal axudan a aproximarnos á formación, afeccións ou carácter dos seus propietarios. Por último, a economía familiar, tanto no que se refire ás bases nas que se sustenta (a propiedade da terra, o exercicio de profesións, o comercio ou a industria), como á pequena economía doméstica, deixa seu testemuño en inventarios, escrituras de compravenda, libros cobradores de rendas, escrituras de constitución de sociedades, balances, recibos ou facturas etc.
A actividade profesional
No fondo familiar doado polos irmáns Vilariño Pintos, podemos dicir que o matrimonio formado por Eduardo Vilariño Magdalena e Águeda de Andrés Moreno exerce de núcleo vertebrador do conxunto documental. Nel confluén diferentes arquivos persoais achegados pola herdanza de Águeda que testemuñan, por exemplo, a carreira xudicial de Fernando de Lamas Rey en Muros, Padrón, Noia, Lugo, A Coruña e Santiago, o cargo de bibliotecario da Universidade de Manuel Villarino Varela, ou o exercicio de diversos cargos na Administración da Aduanas de Filipinas por parte de José de Andrés Moreno Curiel, que ademais foi administrador das propiedades do marqués de Monroy.
Pero, sobre todo, destaca a enorme actividade desenvolvida por Eduardo Vilariño, en parte continuadas polo seu fillo José, nas principais institucións da cidade de Santiago, e de forma especial nalgunhas de carácter docente e fomento cultural: Universidade, Sociedade Económica de Amigos del País, Escuela de Artes y Oficios …
A Actividade política.
Durante o período político da Restauración actividade profesional e actividade política actúan como vasos comunicantes. A preeminencia do papel da Universidade e das institucións económicas, sociais e culturais da cidade no seu goberno municipal é unha constante. Pola súa vez, a designación de postos de relevo nestas institucións viña moitas veces determinado polas militancias políticas.
Eduardo Vilariño, da familia liberal, participou no goberno da cidade a través de diferentes cargos, entre eles o de alcalde, no período comprendido entre 1897 e 1905, un período que se enmarca plenamente no apoxeo do monterismo.
A correspondencia política de Eduardo mergúllanos no funcionamento deste sistema, no que o cruzamento de intereses entre política nacional e local será clave para a transformación da cidade na transición do século XIX ao XX.
Tras as eleccións municipais de 1931, inaugúrase unha nova etapa, na que José Vilariño participa de forma activa. Do seu paso pola corporación municipal, de maioría republicana, moitas referencias simbólicas anúnciannos o cambio de sociedade.