
Día Internacional do Libro 2020
Os museos e arquivos xestionados pola Xunta de Galicia súmanse á programación online con motivo do Día do Libro o vindeiro xoves 23 de abril. O obxectivo é fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Baixo esta premisa, museos e arquivos fan visible o seu patrimonio bibliográfico e desenvolverán unha intensa actividade en redes sociais.
Así, o Arquivo do Reino de Galicia difundirá o propio 23 de abril o material sobre saúde e medicina que se conserva no fondo antigo da biblioteca auxiliar. Trátase de catro exemplares de Santa Catalina de Montefaro e un máis que pertence ao fondo antigo do Arquivo.
O Arquivo Histórico Provincial de Ourense divulgará a través das redes sociais o manual clásico da Paleografía hispana Escuela paleographica o de leer letras antiguas desde la entrada de los godos en España hasta nuestros tiempos, que se conserva na súa biblioteca e foi publicado en 1780 polo padre Andrés Merino. Está considerado como un dos mellores manuais de Paleografía que se publicaron en España durante o século XVIII e marcou un fito na súa época pola calidade de edición e a claridade das súas láminas.