
POSTAIS PARA RECORDAR. O fondo fotográfico Arribas do Arquivo Histórico Provincial de Lugo
O día 3 de maio as 19.00 horas inauguramos no arquivo unha nova exposición: "POSTAIS PARA RECORDAR. O fondo fotográfico Arribas do Arquivo Histórico Provincial de Lugo"
A mostra que consta de 276 imaxes, agrupadas xeograficamente por provincias e dentro delas por localidades, amosa parte do fondo fotográfico da casa Ediciones Arribas de Zaragoza, custodiado neste Arquivo Histórico Provincial. Recollen vistas de monumentos, paisaxes, rúas ou tipos populares, de distintas localidades de Galicia, das provincias de Lugo e A Coruña. Vai acompañada dun catálogo no que se recollen a totalidade das 1357 placas, que servirá, ademais de como elemento de difusión, como un instrumento de descrición do fondo fotográfico para uso en sala e/ou a distancia.
O fondo fotográfico Arribas constitúe unha galería de imaxes da comunidade autónoma que completa as coleccións de fotografías antigas que custodia a Xunta de Galicia, e concretamente as que custodia o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, e polo tanto, están chamadas a formar parte do corpus patrimonial que a Xunta de Galicia pode ofrecer á cidadanía, á investigación e ás persoas en xeral, tanto para estudios retrospectivos como para ofrecerlles fontes de información xeral.
Encantaríanos contar coa vosa presenza