DIA INTERNACIONAL DOS ARQUIVOS NO ARQUIVO HISTORICO PROVINCIAL DE LUGO

DIA INTERNACIONAL DE LOS ARCHIVOS EN EL ARCHIVO HISTORICO PROVINCIAL DE LUGO
08 Xuñ 2012

DIA INTERNACIONAL DOS ARQUIVOS NO ARQUIVO HISTORICO PROVINCIAL DE LUGO

Para celebrar o día internacional dos arquivos, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo inaugura hoxe unha exposición titulada: “Urbanismo en Lugo, 1917 -1970”, na que se mostrará unha escolma de documentos ilustrativos da evolución da cidade neste período.

A exposición, estrutúrase en 4 seccións: As rúas, As dotacións, As vivendas e A actividade económica. A primeira fai referencia á urbanización, e ao crecemento urbano, planificado ou non, mostrando cambios nas rúas xa existentes, as de nova creación e as abertas seguindo un proxecto de crecemento planificado.

A segunda refírese aos servizos que vai adquirindo a cidade: sanitarios, centros de ensino, mercados, instalacións para o ocio e outras dotacións, desde alumeados públicos, pasando pola depuradora de augas, á instalación dunha central telefónica, oficina de turismo, bancos, caixas de aforro....

Na terceira, referimos, por un lado a reforma, ampliación e mellora das vivendas antigas, que dotan de dinamismo as zonas tradicionais de habitación da cidade, e por outro, mostramos o crecemento e a ocupación do solo con novas construcións, estendéndose por novas zonas de ocupación que van ampliando o territorio que ocupa a cidade.

Por último mostramos a puxanza económica dunha cidade en expansión a través das actividades produtivas, tanto a través da instalación e ampliación de importantes industrias, como do florecente comercio, o auxe dos transportes ou da hostalería e outros negocios para o ocio.