Os piratas arriaron bandeira en Lugo

Os piratas arriaron bandeira en Lugo

Os piratas arriaron bandeira en Lugo

barbiVERMELLOS, con marcas de vexigas e, a maioría, pequenos. Así eran os ingleses que chegaron a Lugo a principios do século XVII para ser prisioneiros na fortaleza da cidade, a do bispo, de orixe medieval e reconvertida en cárcere cando deixa de ter unha función militar e cuxos restos (unha almena e unha torre) sobreviven, aínda hoxe, nunha casa da Praza do Campo Castelo.
Todo iso está no libro de actas do Concello, cuxas anotacións, que dan fe da presenza destes ingleses en Lugo, foron solicitadas polo documentalista Diego Fernández Fernández, que está a realizar unha tese doutoral titulada ‘O primeiro libro de actas capitulares do Concello de Lugo no século XVII (1599-1606): edición e estudo'. O traballo está dirixido polo profesor da facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández Suárez, da área de Ciencias e Técnicas Historiográficas.
Os prisioneiros ingleses foron capturados na Coruña, onde chegaran por barco e en acción de guerra. Corrían os últimos anos da Guerra Anglo-Española, na que Inglaterra e España disputábanse, en batallas navais, os tesouros das colonias de América. A piratería formaba parte da acción bélica.
«Hai constancia de seis ingleses que chegaron a Lugo tras seren capturados, en acción de guerra, no mar. As actas non aluden, directamente, á procedencia deles, pero o máis probable é que fosen corsarios ou membros da tripulación dalgún buque da Armada Real británica. Daquela había o que se chamaba patente de corso, pola que os piratas ingleses, da Monarquía, facían a guerra con España e quedaban con parte do botín », explica o profesor Gonzalo Fernández.
As coroas inglesa e francesa concedían patentes de corso aos bucaneros para tomar naves inimigas no seu nome. As monarquías usaban aos piratas para atacar as naves, riquezas e territorios das potencias inimigas. O beneficio obtido compartíase coa monarquía. Desta forma, as coroas aforrábanse o elevado custo de recrutar e manter unha forza naval permanente. ás veces, incluso, os bucaneros eran traballadores autónomos aos que as coroas podían non recoñecer como propios. Noutros casos, eran ascendidos, como o corsario Francis Drake, que chegou a ser vicealmirante da Mariña Real Británica e que atacou A Coruña en 1589 o que deu lugar, á súa vez, á rebelión encabezada por María Pita.
Os ingleses que chegaron a Lugo fixérono dez anos despois do ataque de Francis Drake. Viñeron por orde do gobernador maior do reino de Galicia, Luís Carrillo de Toledo, que era o representante do monarca.
«El pensou en mandalos para aquí, cativos durante un tempo, ata decidir que se faría con eles», explica o profesor Gonzalo Fernández.
NOMES
Os piratas que foron prisioneiros en Lugo eran dous capitáns, Guillermo Etduce e Pedro Sen, cuxos nomes aparecen transcritos desta forma no Libro de Actas do Concello, correspondente ao ano 1599 e 1602.
Ademais, tamén hai constancia doutros catro mariñeiros rasos, que viñeron xuntos, en 1600. Trátase de Artur Cuper, Sirdraque Martin, Juan Miluarte e Tomás Quimirlo, probablemente todos eles con nomes españolizados. Este grupo chegou a Lugo o 13 de marzo de 1600, acompañados polos alguaciles de Vilalba Francisco Fernández e Lope Alonso.
A acta do Concello dá unha completa descrición do físico destes catro piratas, que acabaron na fortaleza da cidade.
«Artur Cuper é un home de mediana estatura, 35 anos e barbivermelloo; Sirdraque Martin é un mancebo alto de corpo, penque de vexigas, de 26 anos; Juan Miluarte é un mancebo lampiño, ten 24 anos e é pequeno de corpo e Tomás Quimirlo é un mancebo de 21 anos, pequeno».
Os piratas eran custodiados por Bastián de Padilla, ao que o Concello lle ordenou, como recolle a pertinente acta, que vixiase aos ingleses e evitase que saísen da fortaleza. Dábaselles un diñeiro como socorro e non se lles sacaba da fortaleza por temor a que escapasen.
SOCORRO
Os ingleses acábanlle saíndo caros ao Concello ata o punto de que o 31 de marzo de 1600, o organismo municipal adopta unha decisión que despois anulará: sacar diñeiro da arca das tres chaves.
A sangría económica que supón o pago do socorro aos ingleses obriga ao Concello a pedir axuda aos lucenses e así o 26 de abril de 1600 catro veciños ofrécense para doarlles roupa. Trátase, neste caso, de Juan López, de Gondar; Pero do Rego; Bastián López, de Muxa, e Bastián Picón.
Pero nin así. O Concello acorda, o 5 de xullo de 1600, facer contas do diñeiro que gastou cos piratas e pídeselle ao procurador xeral que reintegre o diñeiro e achegue 100 reais máis. Con todo, as arcas seguían desinfladas e o 14 de outubro de 1600, unha vez esgotado o diñeiro, o Concello ordena que se collan fondos procedentes do negocio do sal. Finalmente, en marzo de 1601, o Concello ordena que se escriba ao gobernador para pedirlle que os ingleses se vaian e que se pague o que se gastou neles.
A razón pola que se facían prisioneiros aos ingleses non só obedecía á guerra librada con Inglaterra. Era a época da Inquisición en España e os piratas víanse con moi malos ollos por ser un caldo de cultivo para o protestantismo. «Estaba prohibida a súa residencia en todo o territorio hispano. A cousa chegaba ata tal punto que os axentes comerciais dos ingleses en España eran irlandeses. Isto pasaba aquí en Galicia, na comarca do Ribeiro, onde os irlandeses foron axentes comerciais dos británicos para a exportación do viño», explica Gonzalo Fernández.
O 18 de maio de 1601, chega ao Concello unha patente do gobernador para que leve a tres dos ingleses a Chantada.
Non serían, nin moito menos, os últimos ingleses. O 5 de abril de 1602, o soldado Alonso de Luque preséntase cunha carta do gobernador e cun capitán inglés chamado Pedro Sen, segundo a transcrición na acta, para que se encarcere cos outros. Un mes despois, os tres prisioneiros quéixanse ao Concello de Lugo de como os tratan.