EDUCANDO A MIRADA: LECCIÓNS DE ARTE E DESEÑO
Con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos, o venres 6 de xuño terá lugar ás 11:00 horas a inauguración desta exposición que mostra a actividade de dúas institucións comprometidas coa formación de artistas e artesáns en Santiago de Compostela (a Real Sociedade de Amigos do País e a Escola de Artes e Oficios) entre a segunda década do século XIX e mediados do século XX.
O material didáctico utilizado polas escolas, procedente de compras ou de doazóns (moitas delas realizadas polo propio profesorado ou, mesmo, polo alumnado) estaba constituído por publicacións de recoñecidos métodos de aprendizaxe de uso frecuente nas escolas de debuxo e por coleccións de láminas, gravados e copias en xeso que, alén de contribuíren ao coñecemento da historia da arte por parte dos alumnos, servían de modelo para os exercicios escolares.
Tanto os inventarios de material, como as propias publicacións e os exercicios conservados constitúen unha fonte de información de especial interese para o estudo da metodoloxía de ensino empregada nestas institucións no período sinalado.
A exposición distribúese en 12 vitrinas nas que se amosa a práctica do debuxo linear, a representación de flores e animais, as diferentes partes da figura humana, o deseño arquitectónico e o deseño industrial. Tamén quedan de manifesto a utilización de premios e exposicións como recurso didáctico e as saídas ao mundo laboral propiciada pola formación adquirida.
Suma o conxunto un total de 85 documentos comprendidos entre os anos 1826 e 1950.