O 9 de xuño, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo celebrou o Día Internacional dos Arquivos coa presentación dun novo “documento singular”. Este ano o documento escollido foi o Tombo 3 do Mosteiro de Penamaior (Becerreá). Este libro foi escrito entre 1702 e 1835 e nel consignáronse informacións relativas á fundación do mosteiro, aos privilexios e doazóns que lle outorgaron reis e nobres, e sobre todo, datos sobre as súas propiedades, que se extendían polo territorio dos actuais municipios de Becerreá, As Nogais, Baralla, Triacastela, Láncara, Baleira, Sarria, O Corgo, Castroverde, A Fonsagrada e Monforte de Lemos.