MULLERES ARTISTAS: APRENDENDO O OFICIO
Con motivo do día da Muller o Arquivo de Galicia organiza cada ano unha exposición. Este ano céntrase na educación artística recibida polas mulleres a través dos testemuños documentais de dúas institucións fortemente enraizadas na cidade de Santiago de Compostela: A Real Sociedade Económica de Amigos do País e a Escola de Artes e Oficios.
Os fondos de ambas as dúas entidades reflicten como a muller se mantivo durante moito tempo nas marxes da educación artística impartida en Compostela, tanto como receptora das ensinanzas coma no papel de docente.
Conseguir o recoñecemento social da súa capacidade creadora e o acceso a unha educación artística igualitaria foi un camiño difícil. Así o demostran a escaseza de alumnas matriculadas e a case inexistencia de mulleres dentro dos cadros de persoal do profesorado.