
Nº 46. Os arquivos das institucións penitenciarias (III): o Destacamento Penal das Minas de Casaio
Entre a documentación de prisións do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, consérvase a do Destacamento Penal das Minas de Casaio, unha dependencia penitenciaria operativa entre novembro de 1942 e inicios de xullo de 1944 dedicada á extracción dun mineral tan importante para a industria bélica como o volframio. A partir dela podemos achegarnos ás actividades e réxime penitenciario deste tipo de establecementos nos que unha parte da poboación reclusa redimía as súas penas a través do traballo en explotacións mineiras.
No contexto da II Guerra Mundial (1940-1945), a participación directa da Alemania de Hitler na explotación desta mina de volframio a través da empresa SOFINDUS, así como o mercado negro organizado no entorno daquela para subministrar o mineral ao bando aliado, dotan a esta documentación resonancias tan novelescas como turbias.
[s.d S. l.] Plano do Destacamento penal das minas de Casaio. Orixinal; escritura humanística; castelán; 320 x 447 mm. AHPOu. Prisión Provincial de Ourense, carp. 10.