Pescuda no arquivo. A vida na Galicia do século XVIII. As enfermidades. 3.
PESCUDA NO ARQUIVO: A VIDA NA GALICIA DO XVIII
AS ENFERMIDADES
03 SOLUCIÓNS AO ENCRUCILLADO E CONTEXTO HISTÓRICO
Aquí vos deixamos as solucións do encrucillado.
Nesta primeira entrega achegámonos ás fontes primarias, esenciais para construír a historia: os documentos. No documento estudado puidemos observar unha das enfermidades que asolaban Galicia no século XVIII e as disposicións para evitar o contaxio.
Agora presentaremos un pequeno apuntamento histórico sobre as doenzas que ocasionaron máis estragos na poboación desa época.
A peste bubónica, a varíola, a tuberculose e o cólera son os grandes andazos que asolaron á humanidade no pasado. A peste incidiu dende a Idade Antiga ata o século XVII, a varíola castigou sobre todo no XVIII e o XIX é o escenario dos gromos de cólera. Xunto aos brotes destas doenzas principais existían os do tabardillo ou tifo, o sarampelo, a febre amarela, o morbo gálico ou sífilis e a tise ou tuberculose pulmonar, entre outros.
Na Galicia do século XVIII tiveron lugar dúas crises epidémicas xerais, en 1710-1711 e 1769-1770 e logo crises locais que afectaban só a algúns lugares. Todas elas estiveron precedidas de malas colleitas e fames que provocaban a afluencia masiva de persoas ás cidades na procura de asistencia caritativa, o que favorecía a propagación do andazo. A pesar destas graves crises, a mortalidade catastrófica emprendeu en Galicia unha tendencia descendente ao longo dese século.
As medidas de loita contra o contaxio consistían no peche das murallas para impedir a entrada de xente afectada; na limpeza das rúas, con sufumigacións de loureiro e romeu; na retirada de doentes a lugares extra muros ou hospitais se os había; na corentena dos barcos nos portos; na expulsión de pobres procedentes doutras partes; na desinfección das casas, obxectos e documentos con vinagre; na queima de roupas e mobles das persoas contaxiadas e, por último, no illamento dos núcleos de poboación. Ás veces fuxían, nun primeiro intre, as autoridades e os poderosos.
Agardamos que esta primeira entrega teña sido do voso agrado. Podedes enviar os vosos comentarios a través do correo electrónico e do Facebook do arquivo.
Na próxima entrega, no mes de marzo, falaremos das profesións relacionadas coa saúde (médicos, cirurxiáns, sangradores, boticarios) e dos tratamentos que se aplicaban ás doenzas na Galicia daquela época.