Exposición "A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso"

Arquivo do Reino de Galicia. Convite da exposición " A Escola de Belas da Coruña e Picasso"
13 Out 2023
31 Xan 2024

Exposición "A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso"

Venres, 13 de outubro, ás 13:00 horas, inauguramos a exposición "A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso".

Esta exposición fai un percorrido polos primeiros 70 anos da Escola (1850 –1920) por medio da súa documentación. Agás os expedientes do alumnado da primeira década, afortunadamente consérvase a documentación da xestión da Escola, os programas e memorias académicos e os expedientes do alumnado e o profesorado que pasou por ela. Os documentos que se mostran (orixinais e reproducións) proceden do fondo documental da Escola de Belas Artes, agora depositado no Arquivo do Reino de Galicia, doutros fondos deste arquivo e da colaboración con outras institucións, como a actual Escola de Belas Artes Pablo Picasso, o IES Salvador de Madariaga, o Arquivo Municipal da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Picasso de Barcelona e algúns préstamos particulares.

O alumno que tivo máis relevancia nacional e internacional como xenio da pintura, artista innovador que inaugurou novas tendencias artísticas, é sen dúbida Pablo Ruiz Picasso. É incuestionable que os anos de formación que pasou na Escola de Belas Artes da Coruña foron esenciais para o seu desenvolvemento artístico, así como que as xentes e os espazos coruñeses deixaron unha pegada inconfundible nas súas obras. Pero non só del hai testemuños na documentación da Escola, senón tamén doutros membros da súa familia, tanto do seu pai como profesor de Debuxo de figura e adorno, coma da súa irmá Lola como alumna.

O alto número de alumnos, a calidade do profesorado, e o feito de que o seu alumnado fora un claro reflexo da estrutura social da cidade, fixo da Escola un centro innovador e cosmopolita, que sigue sendo, a día de hoxe, un referente na vida educativa da cidade. artísticas por medio das materias nas que se matriculaban.

A mostra repártese en tres apartados: un primeiro dedicado á cidade da Coruña, que acolleu a primeira escola deste tipo en Galicia; un segundo centrado no paso de Pablo Picasso pola Escola de Belas Artes, tanto polo que se refire a el como a outros artistas do seu entorno ou proximidade cronolóxica; e un terceiro apartado, o máis amplo, que está centrado na pegada da Escola de Belas Artes na cidade e na formación dos milleiros de coruñeses que pasaron polas súas aulas.