
Camiños, Paisaxe e Patrimonio . Exposición virtual
O descubrimento do corpo do Apóstolo Santiago e a construción dun santuario para venerar as súas reliquias converterán o lugar e os camiños que levan a el nun punto de encontro de culturas e nun factor determinante para a transformación da paisaxe. Isto faios merecedores de “respecto e protección”, tal e como xa figuraba no preámbulo da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.
Os documentos da Camiños, Paisaxe e Patrimonio amosan unha variedade de paisaxes e bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais situados ao longo das grandes vías de comunicación que, dentro do territorio galego, conducen a Santiago. Son fotografías, planos ou expedientes que foron creados coa finalidade de identificar, protexer e promover a difusión duns bens de recoñecido valor que constitúen unha manifestación de identidade e que, como tales, forman parte do patrimonio cultural de Galicia. Todos eles custódianse no Arquivo de Galicia.