A fonte do Pazo de Lestrove
Situado no concello de Dodro, o Pazo de Lestrove foi construído polo arcebispado compostelán no século XVI, mais sucesivas reformas levadas a cabo no século XVIII fan que se adscriba ao estilo barroco. Presenta planta en forma de U cunha fachada principal completamente simétrica e cunha porta central e ocos con molduras barrocas.
Na remodelación edificouse unha nova capela comunicada interiormente co pazo e, diante dela, unha fonte coroada coa figura de Santiago peregrino. Con oito canos que repartían o caudal, esta fermosa fonte estaba obrigada a darlle servizo diario aos veciños e, entorno a ela, celébrase cada ano a popular festa dos Aflixidos no mes de agosto.
Hoxe presentamos esta fotografía de Chamoso Lamas dun dos máis belos exemplos da chamada arquitectura da auga do rural galego, feita en 1960 nun momento no que tanto o pazo como a fonte estaban nun estado de abandono.
Arquivo de Galicia (Santiago de Compostela). Arquivo Fotográfico de Manuel Chamoso Lamas. G73325-29.