18 Nov 2024
18 Feb 2025
Cada 16 de novembro celébrase o Día do Patrimonio Mundial.
Este ano, presentamos un podcast realizado cunha selección de imaxes fotográficas e cartográficas do fondo documental do Sanatorio Marítimo Nacional de Oza (1887-1996) e fragmentos do filme "La terrible lección".
Poñemos o foco neste fondo para subliñar que a memoria das institucións sanitarias é tamén patrimonio cultural. Un patrimonio que destaca pola súa unidade: unha rica documentación de arquivo (textual, audiovisual e cartográfica) e un conxunto arquitectónico aínda vivo, pese a que moi transformado.
O Sanatorio inaugurouse en 1910 como centro especializado na tuberculose ósea, nos terreos do antigo lazareto de Oza, á súa vez construído sobre o antigo castelo de Oza, coñecido como El Fortín. Nos anos corenta acadou o seu apoxeo coas obras impulsadas polo Patronato Nacional Antituberculoso. A diminución da tuberculose na década de 1960 orientouno cara á rehabilitación e a loita contra a discapacidade.
Xunto co Hospital Xeral Juan Canalejo e o Hospital Materno Infantil, foi transferido á Xunta de Galicia en 1990. Hoxe en día a Universidade da Coruña ocupa unha área do complexo arquitectónico, coas facultades de Fisioterapia e Enfermería.
Unha parte do fondo chegou ao arquivo grazas a un rescate, pois o abandono do centro provocou o descoido da documentación, que correu serio perigo de desaparición.
Destacan as series documentais relacionadas coas funcións da dirección, que permiten coñecer todo o relacionado cos doentes e os seus tratamentos ao longo do tempo. Canto ás series de administración, sobresaen as de contas pola súa continuidade e precisión. Consérvase tamén documentación da Unidade de Servizo Social.
Entre os materiais atopados achouse La terrible lección (1927), de Fernando Delgado, un filme utilizado como ferramenta didáctica contra as enfermidades venéreas. Dado o seu pésimo estado de conservación, foi enviada á Filmoteca Nacional para a súa restauración:
Podedes ver o podcast na nosa canle de Youtube:
A película "La terrible lección" completa e restaurada está accesible en: