Exposición "Patrimonio documentado" visitas guiadas

25 Xuñ 2013

Exposición "Patrimonio documentado" visitas guiadas

1. Antecedentes: a evolución do concepto de patrimonio: o tesouro
 
Na Galicia da Idade Media, os bens máis valiosos son os que se conservan nas igrexas: os libros e os obxectos litúrxicos, e os documentos que acreditan a propiedade das terras constitúen así o tesouro, que debe preservarse porque representa a continuidade da institución.
Entre os bens que Rosendo, bispo de Mondoñedo, doa no ano 867 ao mosteiro de San Vicenzo e San Xoán de Almerezo áchanse obxectos domésticos e libros.
O coidado e esforzo postos na xestión dunha parte dese tesouro, o arquivo, favoreceu a creación de rexistros de escrituras que, como os denominados libros tombos, asegurasen a súa conservación e organizasen o conxunto de acordo cuns criterios determinados. Así, desde a Idade Media, as grandes institucións eclesiásticas afanáronse en elaborar rexistros de escrituras que recollesen e acreditasen dunha forma rápida e sintética as terras e rendas que posuían.
Ese coidado, traducido na redacción de tales rexistros, demostra a importancia e valor simbólico que chegaron a posuír. O Tumbo dourado universal do Mosteiro de Santa María de Melón é unha boa mostra disto.