Publicado o catálogo da exposición Patrimonio documentado.

Publicado el catálogo de la exposición Patrimonio documentado.
08 Ago 2013

Publicado o catálogo da exposición Patrimonio documentado.

O catálogo consta de dous volumes que comprenden un total de 178 páxinas. O primeiro recolle as descricións e as imaxes dos 103 documentos que foron seleccionados inicialmente para figuraren na exposición, distribuídos nas catro seccións en que esta se organiza: 1. A administración e o patrimonio cultural: historia da protección e a intervención no patrimonio cultural de Galicia; 2. A protección dos bens culturais; 3. A intervención no patrimonio e 3. A sociedade e o patrimonio.
Completan este volume unha introdución, un índice alfabético e a tradución ao castelán dos textos de cadansúa sección.
O volume dous ofrece, tras unha breve introdución, cinco artigos relacionados coa materia da exposición.
Así, Alfredo Vigo Trasancos, catedrático de Historia da Arte da Universidade da Coruña, ofrece, en primeiro lugar, unha introdución xeral á historia da protección do patrimonio artístico baixo o título "A historia e a protección do patrimonio artístico en Galicia: un longo proceso reivindicativo".
Irene Calvo Mosquera proporciónanos unha síntese do resultado das investigación que desenvolveu na Universidade de Santiago para a redacción da súa memoria de licenciatura sobre a Comisión de monumentos da Provincia da Coruña (1844-1933).
Pola súa banda, Gabriel Quiroga Barro, arquiveiro do Arquivo de Galicia, revisa, con perspectiva arquivística, a historia da Comisaría da 8ª Zona del Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico Nacional (1938-1969) e da súa sucesora, a Comisión del Patrimonio Histórico-Artístico de Santiago de Compostela (1971-1982), antecedente inmediato da que lle sucedeu na Xunta de Galicia, e estuda a composición actual do grupo de fondos documentais relacionados coa xestión do patrimonio cultural que se custodian hoxe no Arquivo de Galicia.
Finalmente, María Diz Rodríguez, e Manuel María Chaín Pérez, Juan Naveira Seoane e Eugenio Rodríguez Puentes, achegan a súa visión da realidade actual desde o punto de vista e a experiencia na xestión das dúas unidades en que se organiza na actualidade a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia: a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, no primeiro caso, e a de Conservación Restauración de Bens Culturais, no segundo.
 O catálogo distribuirase de forma institucional a arquivos e bibliotecas de Galicia, do resto de España, de Iberoamérica e de Portugal. Porase á venda tamén nas librarías ao prezo de 16 €.