Patrimonio documentado: a protección e a intervención nos bens culturais a través dos documentos dos arquivos
Así, unha parte do interese do patrimonio documental, custodiado nos arquivos, radica en que, ademais de integrar as fontes de información que permiten reconstruír a historia da intervención nos bens culturais desde os comezos do réxime liberal en Galicia, a principios do século XIX, ata a actualidade, constitúe a materia prima na que se concretan e toman forma as propias actividades que as distintas administracións públicas desenvolven na actualidade para a defensa, promoción e intervención da parte visible do patrimonio, o patrimonio construído.
A través dos arquivos é posible aproximarse tamén ao coñecemento de como a sociedade percibe o patrimonio cultural. Pois malia ser este un concepto que garda estreita relación coa revolución liberal, co predominio da burguesía e o nacemento dos estados “nacionais”, non todos os grupos sociais chegarán a identificar os mesmos valores nos bens culturais. Esa diversidade de valores acha con frecuencia expresión na actualidade á marxe dos poderes públicos a través dos medios e das novas formas e redes de comunicación social.
Como aproximación ao tema, o discurso expositivo debuxa, na sección primeira, unha breve historia da actuación dos poderes públicos sobre o patrimonio en Galicia desde o final do primeiro terzo do século XIX, momento no que a sociedade toma conciencia do interese que eses bens posúen como factor de identidade e cohesión política, nun contexto de acelerados cambios e transformacións.
As dúas seccións seguintes ofrecen o punto de vista das administracións públicas que se sucederon na xestión dos bens culturais desde aquel momento complexo de toma de conciencia colectiva. Preguntámonos así como tomou forma esa preocupación pública. E respondemos que, en primeiro lugar, a través das políticas de protección do patrimonio que se concretaron en normas lexislativas, campañas de estudo e de inventario e actos administrativos singulares que lles outorgaron o apoio do Estado aos bens máis sobranceiros. En segundo lugar, a través da intervención directa sobre os monumentos para restauralos ou consolidalos, para evitar así a súa desaparición.
A última sección cambia a perspectiva para interrogarse acerca da efectividade real desas políticas das administracións. Ata que punto o conxunto da sociedade se identifica cos esforzos que realizan os poderes públicos para a defensa do Patrimonio cultural? Que utilidade social posúe este? Que representan os bens culturais para os diferentes grupos sociais?
Como contrapunto a tanto papel, a exposición finaliza amosando imaxes en movemento: un relato, 50 anos despois, sobre o traslado da igrexa románica de Portomarín no ano 1963; e unha mostra da preocupación social actual cara o patrimonio a través do sitio web dunha coñecida asociación galega