16 Ago 2017
16 Ago 2017
Efectuouse a instancia de Alonso de Lanzós de Andrade, fillo de Fernán Pérez de Andrade, e forma parte dun preito tramitado no século XVIII na Real Audiencia de Galicia entre o conde de Maceda e Taboada e Pedro Méndez e outros sobre a propiedade do lugar de San Pedro de Cambás.
Este apeo describe o lugar do Gallado, na parroquia de San Pedro de Cambás, actual concello de Aranga. A solemnidade que ten a redacción do documento e o coidado e beleza da súa escritura reflicten a transcendencia que tiñan os da súa clase, pois unha vez concluídos convertíanse en verdadeiros títulos de propiedade, moi necesarios nun contexto de progresivo escurecemento da propiedade foral da terra (polos sucesivos cambios e divisións) a fins da Idade Media e principios da Moderna.
Tal e como se reflicte aquí, unha parte fundamental do procedemento a constituía a declaración como testemuñas dos vellos ou “vedraños” do lugar, que confirmaban as lindes das propiedades, neste caso baixo pena de excomuñón.
O preito ao que pertence ten a signatura 1.324/14.