Casa

17 Xan 2022
17 Abr 2022

Casa

José Alfaia, veciño de Ponteareas (Pontevedra) e ferreiro de profesión, obrigouse como fiador de Juan Fontán, mestre canteiro, no contrato que don Pedro Bugallal, escribán, fixo con este para facer unha casa "en el arte de pedrería... por quatro mil reales e pique" arredor do ano de 1824. A obra resultou mal ou non sería do gusto do escribán, polo que reclamou a devolución da cantidade investida, e como non puido recuperala preiteou contra o fiador.

Ademais, sentindo que o xuíz da xurisdición de Sobroso (Ponteareas) non era imparcial, pois favorecía á outra parte, acudiu á Real Audiencia de Galicia, que solicitou o envío de todo o preito. Queixábase Bugallal, por outra banda, de que detrás dos manexos do xuíz había tamén enemistade política da "época da rebolucionaria"  (é dicir, do Trienio Liberal, 1820-1823), en que fora perseguido e arrestado, con grave quebranto da súa saúde.

Porén, Alfaia, o ferreiro fiador, contaba outra versión da historia. Dicía que o escribán cambiara un plano da obra para obrigarlle a el a pagar "crecida suma de reales":

"... que don Pedro Bugallal ajustó la fábrica de una casa... de que salió fiador el otorgante a que aquél [o canteiro] cumpliría con la fábrica de dicha casa, para cuyo fin formaron entre ellos sus planos. Principió el maestro dicha obra con arreglo a ellos, pero el Bugallal, mudando su prima idea, discurrió embrollar un espediente de ejecución contra el otorgante para que le pague el importe de la obra que fabricó para otro distinto maestro... y subplantó uno de los nuebos planos..."

Non pudemos averiguar aínda por falta de tempo en que quedou o litixio, pero compadecemos aos xuíces que tiveron que xulgalo. En todo caso, aquí están os planos da discordia.

Este preito ten a signatura 2557-1 do fondo documental da Real Audiencia de Galicia.