Esta fotografía da Colección do Arquivo ofrece unha das imaxes de coche antigo máis interesantes que conservamos. Os tres fachendosos automobilistas contrastan coa cabana teitada de xestas e as mulleres cargadas co outono que contemplan a escena desde unha estrada que artella toda a composición.
Décadas máis tarde, na década dos anos de 1940, o automóbil era xa unha realidade presente no campos e nas cidades, pero na España do gasóxeno e a autarquía buscábanse fórmulas que compesasen as penurias polas que atravesaba o país naquela altura.
No fondo do Goberno Civil da provincia da Coruña consérvase o expediente que se xerou en xuño de 1946 para difundir na prensa e en todas as institucións da provincia unha exposición de vehículos eléctricos con motivo do concurso organizado pola "Junta de Gasógenos" da "Delegación del Gobierno para la Ordenación del Transporte", que pretendía a súa aplicación en gran escala e orientar a "utilización de estos vehículos hacia las esferas Municipales, Diputaciones y servicos de Correos..., los servicios de mataderos, basuras, riego, etc."
A fotografía ten a signatura 4985 da Colección fotográfica. O expediente é o 34027-161 do fondo do Goberno Civil.