29 Mar 2012
A Colección de documentos en pergamiño formouse no Arquivo a partir dunha primeira doazón de 363 documentos medievais que fixo D. Andrés Martínez Salazar, director do centro, no ano 1897. Procedían no seu maior parte de mosteiros e conventos desamortizados da provincia da Coruña. A este núcleo sumáronse posteriormente outros pergamiños incorporados como proba en preitos e expedientes tramitados ante a Real Audiencia de Galicia, que foron instalados aparte no propio Arquivo, de acordo cunha práctica tradicional, para a súa mellor conservación. Na actualidade, o plan de tratamento desta colección comprende a revisión da descrición dos documentos que a integran e a súa publicación na páxina web, así como a restauración, reinstalación e dixitalización. Unha pequena parte dos rexistros incorporados á base de datos conta xa coas imaxes asociadas do documento correspondentes.