18 Feb 2022
18 Feb 2022

Se non é habitual atopar nun arquivo familiar os planos de construción ou das sucesivas reformas dunha casa ao longo do tempo, aínda é menos frecuente atopar os deseños dos motivos decorativos que a enfeitaban. Por iso merece a pena observar os debuxos que forman parte dalgún dos proxectos de reforma da casa que a familia del Moral posuía na rúa da Amargura, na Coruña, e as indicacións anotadas neles (do arquitecto ou propietario e do contratista?). Por desgraza, carecen de data e non están asinados, pero podemos supoñer que corresponden á reforma de 1882, na que o arquitecto foi Juan de Ciórraga,  pois figuran asociados ao proxecto dese ano.

Transcribimos, como exemplo, as notas que figuran no deseño da decoración do portal:

[No recto (parte dianteira) do debuxo, a lapis]: "16 reales bara de paredes, techo, 500 reales".

No verso (parte traseira): "Este es el modelo del escayolado del portal, a 16 reales cada metro cuadrado, adbirtiendo que las columnas no son de reliebe sino figuradas y tienen brillo. El friso irá más oscuro.

"El techo irá como este para el portal y quiere 500 reales por todo él."

[Abaixo, con outra letra]:

"Con friso de 8 cuartas de alto, de fondo muy oscuro, conforme lo demás con el dibujo en líneas y colores, y con pulimento charolado y abrillantado de forma que puedan labarse, puede hacerse a 12 reales metro cuadrado."

Por certo, no plano de planta do piso principal dedícase unha parede do "gavinete" a: "estantería para biblioteca y archivo". Un apunte moi interesante para afondar no estudo do perfil socioeconómico e intelectual desta familia.