Feridos
Contou nalgún lugar Xaquín Lorenzo Fernández, "Xocas", o etnógrafo ourensán, como, cando foi ferido nun ombro en Villablino (León) nada máis incorporarse á fronte durante a Guerra Civil, albiscara un castro entre aqueles esgrevios e perdidos montes mentres era evacuado enriba dunha padiola. Vese que, aínda coa dor no corpo producida pola ferida, a súa mirada entrenada a observar a paisaxe na procura de testemuños históricos non deixaba de funcionar.
Os libros de rexistro de estancias dos militares hospitalizados das enfermerías militares de Oza e de Labaca (A Coruña) durante a Guerra Civil, dixitalizados e accesibles a través de Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia, non achegan, claro, esta clase de valiosas anécdotas persoais sobre os soldados alí ingresados, pero non por iso a información que ofrecen deixa de ter interese. Información que se complementa con outros documentos procedentes dos mesmos centros sanitarios, tamén dixitalizados, como:
- Follas de altas dos militares hospitalizados na enfermería militar de Labaca:
- Relacións nominais diarias de feridos e enfermos dados de alta [Labaca]
- Relacións nominais diarias de feridos e enfermos ingresados [Labaca]
- Rexistro dos socorros prestados aos militares hospitalizados na enfermería militar de Labaca
- Rexistro dos socorros prestados aos militares hospitalizados no Sanatorio militar de Oza
- Rexistro de entradas e saídas de militares hospitalizados [Oza]
- Rexistro de estancias de feridos da enfermería militar de Oza
- Relacións nominais diarias de feridos e enfermos ingresados e dados de alta [Oza]
- Relacións nominais mensuais de persoal hospitalizado que percibiu socorros [Oza]
- Relacións mensuais das estancias dos enfermos [Oza]
- Relacións nominais de novos ingresados enviadas polo director do Hospital Militar da Coruña [Oza]