Habitación

07 Xul 2022
07 Out 2022

Habitación

Jacoba Calderón Ozores tiña unha habitación propia chea de música.

Entre os documentos do fondo documental da familia Casares Quiroga, que seguimos a describir, unha parte substancial corresponden ao pai de Santiago Casares Quiroga, Santiago Casares Paz, administrador de fincas e apoderado de diferentes persoas da Coruña ou dos seus arredores.

Atopamos así nese conxunto moitos papeis que posúen ese marcado carácter económico ou administrativo que abunda en todo arquivo, como escrituras de arrendamento, escrituras de compravenda, escrituras de poder, de partilla... Pero hai algún outro dun carácter completamente distinto. Referímonos, por exemplo, a un "Indice de música en mi cuarto", un pequeno caderniño de capas azuis que pertenceu a esa muller e que ten data de 1889.

Non coñecemos o nome da propietaria por figurar no caderniño senón porque aparece nunha carta que lle enviou desde Madrid o 29 de xuño de 1899 o libreiro  Gabriel Sánchez.

Nesta misiva, Sánchez remítelle a taxación dunha lista de libros que ela lle enviara. Noutro papel que corre xunto, pero escrito doutra letra, dise: "El valor efectivo de la música que contiene la adjunta relación se valúa en trescientas veinticinco pesetas". Vese que as tornas cambiaran e había que trocar a música en diñeiro.

En verdade, a cantidade non era nada despreciable naquela altura, todo o contrario, como tampouco o é a relación de obras musicais que contén o caderno, onde abundan os autores do romanticismo, pero no que non faltan tampouco Haydin ou Mozart como tampouco Rossini, Verdi ou Wagner, nin, por suposto, Adalid, que encabeza a relación: "Adalid-Sonata en mi b mayor".

Constan no fondo documental outros documentos sobre Jacoba Calderón. Por eles coñecemos que estaba casada con José de Torres de Krus, do que enviuvou en 1897 (http://arquivo.galiciana.gal/.../gl/consulta/registro.do... ), aproximadamente, e que tiñan casa na Coruña e en Santa Cruz de Oleiros (http://arquivo.galiciana.gal/.../gl/consulta/registro.do...).

Jacoba era parente política de Marcial de Torres Adalid, pianista e compositor, primo de Marcial del Adalid. En 1897 apodera a Santiago Casares Paz para que lle administre o bens que quedaran do seu esposo.

O caderno que comentamos ten a signatura 48895-14.