25 Set 2025
25 Dec 2025
As pensións de viuvez son no día de hoxe unha prestación a cargo da Seguridade Social, que a concede sen distinción de sexos e sempre que se cumpran determinados requisitos, pero non sempre foi exactamente así.
Se ben as mulleres non comezarían a traballar no arquivo ata ben avanzado o século XX, as viúvas dos empregados si que se integraron na nómina do establecemento desde comezos do século XIX. Así, no arquivo de xestión do noso arquivo (o arquivo do Arquivo), conservamos algúns documentos que aluden a esta práctica.
Tralo falecemento do marido, as súas mulleres solicitaban unha pensión para poder manterse e, se se lles concedía, en atención “á honradez e méritos” dos seus homes, pasaban a entrar na nómina dos empregados e cobraban a cantidade asignada dos mesmos fondos dos que cobraban aqueles.
O 5 de outubro de 1808, xa en plena Guerra da Independencia, a Xunta Suprema de Facenda acordou que
“se incluya en la relación de sueldos de los dependients del Archivo de este Reino... y perciven por el ramo de rentas a doña Teresa Rosalía Menéndez, viuda de don Jacinto Gayoso, archivero que ha sido del mismo, satisfaciéndosele lo que la corresponda desde el 1º de junio de este año, a razón de tres reales diarios que goza de pensión, asignados en los fondos de espolios y vacantes de Tuy”.
Uns anos despois, en 1815, dona Teresa Rosalía solicitou un aumento da pensión, “lo que fue del real agrado de Su Majestad en atención a su abanzada hedad y méritos de su marido”, concedéndolle un aumento de dous reais diarios.
Nese mesmo ano, dona Catalina Cruces, viúva de don Roque Vermúdez, oficial do Arquivo, solicitou un socorro diario para poder manter os seus catro fillos e igualmente concedéuselle, “hecho cargo Su Majestad de la honradez y buenos servicios del marido...”
Pero, naqueles tempos revoltos e de penuria, calquera turbulencia política ou económica podía dar ao traste con esas pensións, tal e como sucedeu no ano 1817, en que tres viúvas doutros tantos empregados do centro queixáronse de que deixaran de percibir as súas pensións (que eran pagadas polo xefe do arquivo) sen motivo aparente.
Estes documentos atópanse na unidade 48189-3.