Incidente

11 Mai 2022
11 Ago 2022

Incidente

O 19 de novembro de 1933, durante a II República, celebráronse eleccións xerais para as Cortes e por primeira vez as mulleres puideron votar. En Vimianzo (A Coruña), integraban a mesa electoral de Castromil, parroquia de Salto, tres mulleres, que houberon de se enfrontar a un incidente que ocasionou unha denuncia do candidato número dous da “Candidatura de Derechas para Diputados a Cortes”, Benito Blanco-Rajoy Espada.

Clotilde Blanco Patiño, mestra, presidenta da mesa; María Vidal Suárez e Liticia Velo Ordóñez, ambas as dúas labregas, declararon ao xuíz instrutor especial desprazado desde a Audiencia Provincial da Coruña que:

“...desde la mañana estaba en este local y como apoderado de candidatos un señor que dijo llamarse Polo y estar incluido en los dos poderes que presentó... Que durante la mañana estuvo de conversación y en un momento recomendó firmar unas actas para adelantar trabajo y así lo hicieron las componentes  de la mesa, y estando aún en blanco y a eso de las doce o doce y media, dijo que iba a comer y se marchó llevándose esos impresos firmados...”

Por mandato da Audiencia Provincial, abriuse un sumario no Xulgado de Corcubión e detívose en Fisterra a Ernesto Polo Gómez, torreiro, apoderado de dous candidatos a deputados pola circunscrición da Coruña: Victorino Veiga González e Antonio Rodríguez Pérez. Pero, tras pasar un día nos calabozos municipais, o acusado quedou en liberdade, pois varias testemuñas aseguraron que pasara todo a xornada electoral nos colexios de Fisterra e tampouco non foi recoñecido en sucesivas roldas que se montaron para o efecto.

O sumario sobreseuse en setembro de 1934 en aplicación da Lei de amnistía sen chegarse a coñecer o culpable de alterar as votacións de Castromil.

Ese mesmo día, tamén en Vimianzo pero no lugar de Ogas,  parroquia de Cambeda, sucedeu outro incidente, cando un apoderado rompeu a urna, ameazou cunha pistola e provocou lesións cunha pedra a un membro da mesa electoral.

De ambos asuntos dá conta a causa aberta na Audiencia Provincial da Coruña, que ten a signatura 51459-11.