Índices

04 Xan 2024
04 Abr 2024

Índices

Iniciamos o ano coa nova do remate do proceso de dixitalización dos "Libros índices" do Arquivo, dos que xa temos falado noutras ocasións.

Lembremos que foron os primeiros catálogos que describiron os documentos do fondo da Real Audiencia de Galicia incorporados ao "Arquivo Real" a partir de 1777. Por iso son venerables, verdadeiros "monumentos arquivísticos, en palabras de Pedro López.

En efecto, non só seguen a ser útiles como referencia á que acudir en caso de dúbida na descrición (pois os catálogos e bases de datos posteriores elaboráronse, en boa medida, a partir destes), senón porque son un testemuño de primeira man para saber como se traballaba nun arquivo (real) a fins do século XVIII e comezos do XIX.

Lembremos agora os "cadernos de desarchivos" e os libros de control das copias compulsadas e certificacións que se expedían e teremos unha imaxe máis completa do que as tarefas arquivísticas supoñían e seguen a supoñer hoxe en día.

Lembremos tamén que aquel non era un arquivo histórico no senso en que se concibe na actualidade. Pola contra, foi concibido para o servizo do "público" que precisaba de antecedentes (xudiciais) para seguir a tramitar os seus asuntos. Unha perspectiva que se foi perdendo no imaxinario colectivo e que costou moito recuperar. Os arquivos son pasado, son presente e son futuro.

https://arquivo.galiciana.gal/.../gl/consulta/registro.do...