29 Nov 2021
28 Feb 2022

Esta fotografía de María Casares, a célebre actriz filla do político republicano coruñés Santiago Casares Quiroga, forma parte da Colección fotográfica, pero ten unha relación evidente co fondo familiar que se custodia no Arquivo. Un conxunto que se formou cos documentos incautados polo franquismo durante o proceso xudicial que se lle abriu para tal efecto no Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas da Coruña no ano 1940.

Non sabemos como chegou a fotografía ao noso centro, pero pode que a súa presenza teña que ver coa visita que hai anos nos fixo unha descendente de Esther, a outra filla de Santiago exiliada en México, quen axudou a identificar algunhas das persoas retratadas nas fotografías que se conservan no fondo familiar.

O cartel que acompaña forma parte da Colección de carteis, que estamos a reordenar e reinstalar. Corresponde a unha película clásica do cine francés, "Les Enfants du Paradis". Dirixida por Marcel Carné, foi realizada en plena ocupación alemá do país, no que algúns viron "un arriscado acto de sabotaxe en contra da ocupación". No seu elenco, figurou entre os protagonistas, no papel de Nathalie,  unha María Casares aínda moi nova .