Patrimonio

16 Nov 2022
16 Feb 2023

Patrimonio

Celebramos hoxe, 16 de novembro, o Día do Patrimonio Mundial, establecido pola UNESCO para conmemorar a Convención do Patrimonio Mundial asinada en París o 16 de novembro de 1972. Cúmprense, pois, 50 anos desa convención.

Neste mes e neste ano cúmprense tamén 100 anos do falecemento de José Sellier, membro destacado dunha das familias introdutoras da fotografía na cidade da Coruña e profesional senlleiro. Con tal motivo, inauguramos no Arquivo, no primeiro andar do edificio do Xardín de San Carlos, unha pequena mostra sobre os documentos fotográficos que conservamos de José Sellier.

José Sellier iniciouse no oficio de fotógrafo ao voltar de Francia á Coruña en 1886, onde se criara coa súa familia e onde o seu irmán Luis tiña establecido un gabinete desde a década de 1860 xunto co seu socio Avrillón, primeiro, e máis tarde só. José herdou a clientela e o prestixio de Luis entre as familias acomodadas coruñesas que lle encargaban os seus retratos.

As obras conservadas no arquivo pertencen a fondos familiares depositados neste centro: Casares Quiroga, Seara, e Aguado del Moral. Ademais dos retratos integrados nestes fondos privados, o arquivo conta tamén con dúas postais con imaxes da cidade da Coruña que son da súa autoría.

En total contamos con dezaseis obras de José e dúas de Luis.