Planos
Estes planos representan dunha forma moi esquemática, como se aprecia, terras en disputa nun preito nos lugares da Verdeal e as Naranxeiras, na parroquia de San Tomé de Recaré, no Valadouro, Lugo.
Na execución do preito, en 1713, que o Bispado de Mondoñedo gañara contra Juan Farto, escribán, e outros sobre reivindicación do lugar das Cabras Figas, en San Xoán da Laxe (tamén no Valadouro), suscitouse un incidente sobre os límites daqueles lugares. Neses casos, as partes nomeaban peritos que recoñecían “por vista de ollos” as terras e comparaban os seus límites cos que figuraban en escrituras antigas, neste caso apeos dos séculos XVI e XVII.
Ese recoñecemento complementábase ás veces, como foi aquí o caso, coa elaboración “dunha mapa” ou plano dos terreos en disputa.
Os tres mapas parecen obra da mesma man, a xulgar pola letra, a sinxeleza da representación e a paleta cromática empregada. O primeiro foi presentado polo procurador do bispo de Mondoñedo. Pero parece que as partes contrarias non estaban de acordo e houbo que repetir o proceso por dúas veces, quizais por non haber outros pintores ou “mapistas” naquelas contornas, segundo se declara no preito. O último deles aparece asinado por unha persoa que se apelida "Lira" ou "Cira".
É interesante comprobar a variación ou a desparición na actualidade dalgúns dos topónimos que figuran nos planos.
A executoria da que proceden ten a signatura 6719-7.