04 Abr 2017
04 Abr 2017
  Albeau aportara á vila de Muros en xuño de 1598 cun buque de sal cargado en Aveiro, Portugal, con intención de vendelo de acordo coa licencia real que tiña. Pero o administrador e os seus subordinados tomaron mercancía e fixéronlla descargar no alfolí da vila. Logo, asinará con el un contrato peculiar: el quedaría co sal e daríalle un recibo para poder cargar libremente outro navío en Aveiro. O sal descargouse e mediuse pero nesta operación e na de “remedición”, os empregados do alfolí atoparon que había menos sal do declarado inicialmente.  A partir dese momento, iniciouse un proceso xudicial, no que o propio administrador é xuíz e parte e do que sae moi mal parado o francés. Finalmente, a Real Audiencia, que actuou coa rapidez e contundencia que lle era habitual, determinou que Luis de Albeau tiña razón e obrigou ao administrador a devolverlle todos os bens incautados.  Como adoita suceder nesta clase de preitos, a información que se nos ofrece é riquísima. Así, podemos coñecer tanto aspectos da administración económica e do funcionamento da xustiza da época como moitos e interesantes detalles do comercio e da vida naquel momento histórico.  O documento que presentamos é un testemuño notarial da descarga do sal desde o navío ao alfolí. Segundo declarou o mercader, “el escrivano que estava presente escrivía la cantidad de sal que se descargava y un muchacho del confesante lo señalava las medidas que se descargavan...”. O documento aclara que “cada raya de las infraescritas es media anega de sal de dos ferrados de pala alta cargada”. Por cada diez medias fanegas, contábase unha “talla”.  O proceso xudicial que iniciou o administrador estivo cheo de irregularidades, polo menos visto desde o punto de vista de hoxe en día. Así, no medio do reconto, o receptor do alfolí obrigou ao escribán que levaba o control a saír fóra da vila de Muros por “decir yo aver comunicado con personas ynficionadas de peste y entrado en su casa...” Outro escribán diferente o continuou. E por fiscal do proceso nomeouse un alguacil do propio administrador...  O preito ten a signatura 1.191/43 do fondo da Real Audiencia de Galicia. Acompañámolo dun plano da ría de Muros e Noia publicado pola Comisión de Hidrografía no ano 1848. Ten a signatura MB 148 da Colección cartográfica e iconográfica.