Segredo

27 Dec 2021
27 Dec 2021

Segredo

O segredo forma parte esencial do exercicio do poder. Sábeno ben os historiadores, que reivindican poñer límites temporais concretos a esa cancelación do coñecemento público, e os arquivistas, que piden máis certeza e seguridade á hora de decidir, de acordo coas leis, que documentos poden ser consultados ou non.

Este telegrama cifrado (e por tanto segredo no seu momento) non presenta ningún problema de accesibilidade, pero é de grande interese porque revela aspectos pouco coñecidos do funcionamento da Administración no primeiro terzo do século XX.

Foi remitido polo Ministerio da Gobernación ao gobernador civil da Coruña o 22 de xaneiro de 1936, antes da celebración das eleccións do 16 de febreiro que darían o triunfo á Fronte Popular. Reflicte o papel fundamental que xogaban os gobernos civís no control da orde pública e da Administración municipal en todo o territorio. Un papel que medrou desde a creación destes organismos públicos na primeira metade do século XIX e, sobre todo, despois, a finais desa centuria, na época da Restauración, ata reducir a case unha pura anécdota a coordinación e impulso do resto da Administración periférica nas provincias. Pola contra, ese papel coordinador e unificador acadou un gran desenvolvemento en Francia coa figura do prefecto, modelo que non chegou a callar en España.

Como pode observarse, áchase cifrado case na súa totalidade con “clave general (GS (G.E ES.E)”, e transcrito por riba das cifras. Comprobamos ademais como esa transcrición pasouse a limpo antes de pasala á lectura do gobernador.

Este documento ten a signatura 32456-50 do fondo documental do Goberno Civil da provincia da Coruña: http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1936820