23 Xul 2012
O pasado 18 de xullo tivo lugar en Santiago unha xuntanza co fin de establecer pautas e protocolos de conservación do Códice Calixtino e outros documentos integrantes do patrimonio galego, na que participaron o Secretario xeral Ténico da consellería, Jesús Oitavén; o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel; a directora do Arquivo do Reino de Galicia, Carmen Prieto, e os restauradores Jorge Medín e Águeda Guardia. En representación do Ministerio asistiron o director do Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE), Alfonso Muñoz; a bióloga especializada en conservación preventiva Nieves Valentín e a xefa do servizo de Libros e Documentos, Carmen Hidalgo, ambas as dúas profesionais do instituto. Tamén participou na xuntanza o arquiveiro da catedral de Santiago de Compostela, Segundo Pérez.
Con posterioridade examináronse as condicións de conservación do Códice e outras pezas importantes que se custodian no Arquivo da Catedral de Santiago e realizáronse diversas probas para determinar as medidas a realizar co fin de dotar aos locais das condicións medioambientais idóneas para a correcta conservación dos documentos e libros.
Esta xornada de traballo foi a primeira dunha colaboración que se pretende formalizar entre a Xunta de Galicia e o Instituto de Patrimonio para establecer un protocolo de conservacións de bens integrantes do patrimonio galego depositados na catedral de Santiago.