Valle

05 Xan 2022
05 Mar 2022

Valle

O 5 de xaneiro de 1936, faleceu en Santiago Ramón María del Valle Inclán, o xenial dramaturgo, poeta e novelista. Con este motivo, o gobernador civil da Coruña recibiu un telegrama do Ministerio da Gobernación encargándolle a representación do ministro e do Goberno de España no enterro.

 

Non existen no Arquivo, que saibamos, documentos de Valle Inclán, pero si constan outros que trazan vínculos, aínda que sexan indirectos, coa súa figura e coa súa obra.

 

Conservamos, por exemplo, o fondo documental do Pazo de Brandeso, doado á Comunidade Autónoma en 1991 por dona Filomena de la Serna Gasset. Como é coñecido, Brandeso é escenario dalgunhas das súas creacións máis famosas, con personaxes coma o marqués de Bradomín, aquel “Don Juán feo, católico e sentimental”.

 

A personaxe de Bradomín pasaría da ficción á realidade (outra realidade) moitos anos despois na persoa de Carlos del Valle Inclán, fillo de don Ramón, nomeado marqués de Bradomín polo rei.

 

Temos de Carlos del Valle Inclán algunhas cartas doadas ao Arquivo no ano 2007 pola súa viúva, Mercedes Alsina, relativas ás xestións que nas décadas de 1970 e 1980 fixera para conseguir que o Estado adquirise o interesantísimo legado documental, bibliográfico e museolóxico que deixara o coronel Francisco Iglesias Brage, heroe da aviación española e explorador de terras americanas.

 

Aquelas xestións foron complexas e finalmente Carlos del Valle Inclán non puido conseguir que todo o conxunto permanecese unido, como era o seu desexo. O fondo documental de Iglesias Brage, adquirido polo Ministerio de Cultura, depositouse, primeiro, no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, e despois, tras un intercambio por fondos de sindicatos e partidos políticos daquela provincia incautados en época franquista, no noso Arquivo.

 

Ademais do telegrama do Goberno Civil da Coruña citado arriba, amosamos algúns documentos desoutros fondos: unha fotografía do pazo de Brandeso tomada por Ruiz Vernacci, dúas cartas intercambiadas por Carlos del Valle Inclán e Ricardo Nores, cronista de Ferrol, en relación coa adquisición do fondo de Iglesias Brage, e unha fotografía dunha avioneta que constaba entre a correspondencia que o coronel Iglesias Brage mantivo con diversos provedores para a preparación da súa ambiciosa (e non realizada) expedición de exploración ao Amazonas.