Un plano da Xefatura Provincial de Obras Públicas que ilustrará a exposición virtual que estamos a preparar para conmemorar o Día Internacional da Muller, achéganos unha representación do Xardín de San Carlos, na Coruña, coa disposición orixinal da tumba rodeada por oito sectores, os mesmos que precisamente se están a recuperar agora.
O plano é de 1902 e corresponde a un proxecto de fábrica de salazón que se quería instalar nos arrecifes que están "entre el canal de San Miguel y el Canalizo", fronte ao castelo de Santo Antón, hoxe cubertos polo recheo desa zona da costa. Pareceunos de interese contrastar esa vista coa que ofrecen dúas fotografías aéreas da mesma zona realizadas, respectivamente, nos anos 1948 e 1959. Realizadas ambas as dúas pola empresa madrileña CEFTA.
Entre outros moitos detalles nesas imaxes, fixámonos nun que nos concirne directamente: a construción do Arquivo. Na primeira, vese o que parece ser a excavación para a cimentación ao carón do xardín. Na segunda, observamos xa o edificio construído (rematado en 1955 e inaugurado no 1956).
O plano ten a signatura 64165-954 do fondo documental da Xefatura Provincial de Obras Públicas, as fotografías atópanse na unidade 43859.