04 Out 2024
20 Xuñ 2025

Un ano máis o Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) oferta actividades didácticas de balde aos centros educativos e a outras institucións e colectivos interesados ata completar prazas. 

As prazas son limitadas e precísase realizar primeiro unha preinscrición cubrindo este FORMULARIO DE PRE INSCRIPCIÓN

 

OFERTA DE ACTIVIDADES  
 
1.    VISITA TEATRALIZADA OS SEGREDOS DOS FRANCISCANOS (Aprox. 90 min) 
  • Aforo máximo - 30 participantes
  • Óptima para os niveis educativos de Primaria e ESO /   infantil (consultar condicións) 
DESCRICIÓN
Visita teatralizada deseñada especialmente para complementar o coñecemento sobre o legado histórico e artístico que os franciscanos deixaron na cidade de Ourense.
Nesta actividade tamén se reflexiona sobre o valor do patrimonio documental, moi rico e descoñecido para moitas persoas de calquera idade, dun xeito ameno, dinámico e adaptado a cada nivel educativo.

Xoana a Lavandeira e Frei Xan o Farrapeiro invítannos a achar os segredos dos franciscanos con eles a través dun percorrido por lugares senlleiros da cidade, para acabar a actividade cun entretido xogo arredor da historia da arte medieval no claustro do convento de San Francisco.  
 
2- VISITAS ÁS EXPOSICIÓNS DO AHPOu + OBRADOIRO A EVOLUCIÓN DA ESCRITURA (Aprox. 75 min/cada un)
  • Aforo máximo - 60 participantes
  • Dirixido a: Primaria, ESO e Bacharelato.
DESCRICIÓN
As actividades realízanse simultaneamente en dous grupos.  Un grupo visita as dúas exposicións permanentes do AHPOu en canto o outro grupo realiza o obradoiro.
Tras un breve descanso duns 10 - 15 minutos para un petisco, altérnanse os grupos.
 
3- OBRADOIRO DE ESCRITURA (APROX. 90 MIN.) 
  • Aforo máximo - 30 participantes
  • Dirixida a: escolares dende 2º ciclo de Primaria ata Bacharelato. 
Descrición
Obradoiro moi participativo relativo á escritura na Idade Media, poñendo en valor os singulares documentos históricos do período.
Falarase sobre como elaboraban a tinta os escribáns daquel tempo, a variedade documental, a heráldica, e utilizarase unha pluma de ave para escribir un documento que dará fe da liñaxe de cada participante.
Trátase dunha experiencia moi enriquecedora desde o punto de vista didáctico, xa que permite ver o contraste existente entre os nosos acelerados tempos dixitais, fronte a un pasado analóxico no que a pericia manual e o tempo pausado eran a dinámica da cultura.  
 
4 - VISITAS ÁS EXPOSICIÓNS DO AHPOu (Aprox. 60min/cada exposición)
  • Aforo máximo - 30 participantes
  • Dirixida a: ESO e Bacharelato
Descrición: 
As visitas achégannos ás dúas exposicións cun contido rigoroso pero explicado dun xeito ameno e próximo. Dáse a coñecer o rico patrimonio documental que custodia, restaura e difunde o AHPOu. 
Pódense realizar conxuntamente ou por separado. 
  • San Francisco: arquitectura e historia ofrece un percorrido polas vicisitudes do edificio a través de documentos, maquetas, audiovisuais e capiteis graníticos que expoñen o percorrido e evolución funcional e arquitectónica do inmoble. 
  • Documentos Históricos de Ourense presenta unha escolma de reproducións documentais que permite realizar un itinerario de máis de dez séculos que, comezando polos máis antigos documentos monásticos da Idade Media, acaba con testemuños escritos de célebres intelectuais do século XX.