08 Xuñ 2012
Onte, día sete de xuño, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, cursou visita ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense co fin de interesarse pola situación deste centro e os seus proxectos de futuro. Participaron na visita algúns dos principais representantes da Xunta de Galicia en Ourense: Rogelio Martínez González, Delegado Territorial, Mª de las Mercedes Gallego Esperanza, Xefa Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Gerardo Pumar Pumar, Xefe da Área de Cultura da dita Consellería.
Durante dita visita, ralizouse unha xuntanza na que Pablo Sánchez Ferro, director do arquivo, informou das actividades que o AHPOu está a realizar, principalmente, no que atinxe á súa proxección cara a cidadanía, e tamén explicou a situación de absoluta precariedade das actuais dependencias do centro, caracterizadas pola saturación dos seus depósitos, a carencia de talleres de restauración, salas de exposicións, gabinete pedagóxico, etc.
A valoración por parte do director do centro do compromiso das autoridades coa busca dunha solución para as necesidades do riquísimo patrimonio documental ourensán foi moi positiva, xa que aquelas mostraron o seu compromiso coa finalización das obras para a construción da nova sede no Cuartel de San Francisco.
A visita concluiú cun percorrido polas dependencias do AHPou, que permitiú constatar a sua situación.