11 Nov 2020
11 Nov 2020

 Continuamos coa historia de Concepción Miranda, condesa viúva de Torre Penela. En realidade, a posición da condesa viúva da Torre Penela non era tan feble como pode supoñerse. Era muller, si, pero aristócrata e viúva, dúas circunstancias que tiñan grande importancia na sociedade de fins do século XVIII e comezos do XIX. Como aristócrata titulada (condesa consorte e filla do conde de San Román), atopábase no vértice da pirámide social e gozaba de importantes privilexios de carácter fiscal ou xudicial, entre outros. Como viúva, beneficiábase dunha lexislación paternalista que a equiparaba na práctica a calquera varón ao permitirlle independencia na xestión do seu patrimonio.   Pero, sendo isto así, é difícil concibir que un home daquel tempo fose destituído da administración dos seus bens e da tutela dos seus fillos simplemente “por sus manías y caprichos”. Fronte a este ataque ela oporá un carácter forte e vehemente e saberá sacarlle un bo partido a esas vantaxes sociais e xurídicas das que gozaba ata conseguir o sobresemento do expediente.   Nos catro anos que durou o proceso, Concepción Miranda demostrou un forte carácter e unha férrea vontade para opoñerse ás ordes do xuíz interventor nomeado polo Consello: deu largas para a entrega dos documentos do arquivo, cambiou de residencia sen comunicalo, reclamou con insistencia a tutela dos seus fillos, “asaltou” casas intervidas xudicialmente e, finalmente, viaxou a Cádiz e Sevilla por dúas veces, en plena guerra, para conseguir o sobresemento do seu expediente.   O expediente tramitado polo xuíz interventor comprende 20 pezas diferentes, que suman centos de folios. Véxase o contido en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.    [Continuará]