Aceite

17 Xuñ 2022
17 Set 2022

Aceite

Este documento, do ano 1510, inclúe a mención máis antiga ao aceite que consta no noso arquivo. É unha escritura pola que o mosteiro compostelán de San Martiño de Fóra cede en foro a Fernando de San Román, mercader, e á súa muller, María de Vera, unha casa na rúa do Campo (“conmo va de longo con la calle que desçiende a la bía Sagra...”), en Santiago de Compostela, por unha renda de 250 marabedís e unha libra de aceite.

 

Esta tardía aparición nos documentos e a reducida cantidade de renda que se cita neste exemplo ofrecen pistas sobre a relativa importancia que tivo o aceite na economía tradicional de Galicia, ou polo menos nunha boa parte do seu territorio. Nada comparable ao viño, do que temos abundantes testemuños no noso arquivo desde mediados do século XIII.

 

Así, só figuran rexistrados no noso sistema de información Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia 82 documentos que mencionen aceite. E moitos corresponden xa ao século XX.

 

Pero esta reducida presenza documental non se traduce necesariamente en falta de interese, como veremos nalgúns exemplos que amosaremos en próximos días.

 

A escritura de foro que presentamos agora forma parte dun preito tramitado pola Audiencia de Galicia un século despois, 1621, sobre reivindicación daquelas casas aforadas.