Anacos

30 Mai 2022
30 Ago 2022

Anacos

Durante a tramitación dun proceso sobre débedas por pago de rendas en Santiago, en 1801, no que os litigantes eran un avogado e un escribán (notario), entre outros, produciuse un episodio traxicómico que significou a apertura dunha “peza separada” para resolvelo.

 

O avogado de Santiago Manuel Fandiño Losada demandou ao escribán Roque José Costoya e a outros pola paga de rendas que lle debían. Despois de obter a autorización da Real Audiencia, iniciouse a tramitación do proceso, que implicaba en primeiro lugar efectuar unha relación das persoas debedoras e das cantidades non cobradas.

 

Coa axuda dun escribán amigo, Roque Fernández, Fandiño comezou as dilixencias con Costoya, pero logo discutiron sobre computar ou non entre esas débedas uns recibos por cantidades que este dicía que xa lle abonara. A disputa deu lugar a que Fernández, (“casado con una criada que ha sido del mismo Fandiño, a quienes tubo en su casa y en el día les sostiene en la ciudad de Santiago”) rachara en “veinte y cinco pedazos” unha dilixencia que comezara a redactar, negándolle a Costoya o acceso “a recibos y autos”. Non fai falla moita fantasía para imaxinar a escena cos elementos que nos achega o relato do procurador da parte agraviada:

 

“... reconociendo la mía que faltaban los recibos y autos entregados, reclamó unos y otros echando mano a la delixencia, la qual guardó el Fernández, ... la sacó y ha echo pedazos, arrojándolos por un balcón a la calle... un papel cuyo contenido ignoraba, todo con el propósito de que la mía [Costoya] no tubiese con qué documentar su lexítima paga, con lo qual, se salió mi parte a la calle, en la que pudo recojer los framentos de dicha dilixencia, que, para comprobar en parte lo expuesto, presento... en veinte y cinco pedazos escritos de puño y pulso del propio escribano...”

 

Por curiosidade, e coa axuda dos compañeiros do laboratorio de restauración, abrimos o paquetiño que entregou Costoya e que se cosera como proba no proceso. Só había 18 dos 25 anacos que se di recollera o denunciante e non puidemos reconstruír o que dicía con exactitude.

 

Este preito ten a signatura 2666-3 do fondo documental da Real Audiencia de Galicia.