Billete

17 Dec 2021
17 Mar 2022

Billete

Este billete de 1 peseta, emitido en Burgos en plena Guerra Civil, corresponde a unha causa xulgada pola Audiencia Provincial da Coruña sobre o roubo producido na sancristía da capela das Ánimas de Santiago en novembro de 1938. Foi condenado o axudante do sancristán, que xa despertara as sospeitas do sancristán maior e do capelán, dado que ningunha porta exterior da capela aparecera forzada e ser el o único depositario das chaves.

A policía interviulle este billete ao acusado no rexistro da súa casa, xunto con outras 827 pesetas, cantidade semellante á que faltaba da sancristía, e o Xulgado de Instrución ordenou comprobar se a mancha de tinta que presentaba correspondíase coa que derramara o ladrón para tratar de disimular con ela e cun pouco de cera a rotura da pechadura do caixón onde se achaban os cartos. A proba pericial, realizada na Facultade de Medicina de Santiago, resultou negativa.

O ladrón, que non dispoñía das chaves do escritorio da sancristía (unha peza pequena dentro desta formada por un biombo fixo de madeira e cristal que estaba aberto polo cimo) onde se atopaba a mesa co caixón do diñeiro, introducirase nela coa axuda de dúas escadas portátiles que había noutra dependencia da capela e forzara o caixón cun martelo e unha aixola.

Esta causa ten a signatura 51744-11 do fondo documental da Audiencia Provincial da Coruña.